miércoles, 30 de enero de 2013

AS PARROQUIAS DO NOSO CONCELLO

Unha vez temos as entrevistas que fixemos a nosa familia, podemos tirar varias conclusión ás que chegamos entre todas... Imos ver cales son:

- En todas elas hai poucas casas habitadas. As aldeas sofren un problema de despoboamento.
- En todas as parroquias hai escolas e todas están pechadas. O número medio de nenos e nenas que       chegaron a ir a estas escolas é de unha media de 40 persoas.
- O principal sector económico é a agricultura e a gandeiría.
- O fenómeno migratorio deuse e dase na práctica totalidade das parroquias.

Agora continuamos co traballo...
Sabemos que é unha parroquia? Coñecemos todas as parroquias do noso Concello?
Imos aló! Tentaremos ubicar as nosas aldeas no mapa e coñecer onde viven os nosos compañeiros e compañeiras e as características das súas aldeas... Serán similares ás nosas???

AS PARROQUIAS DO CONCELLO DE BECERREÁ


A QUE PARROQUIA PERTENCE A MIÑA ALDEA?
QUE É UNHA PARROQUIA? BUSCA MÁIS INFORMACIÓN SOBRE A TÚA PARROQUIA.
CANTAS ALDEAS HAI?  CANTOS HABITANTES TEN? CANTOS HOMES E CANTAS MULLERES?

CONSULTA:




lunes, 28 de enero de 2013

ONDE VIVIMOS? A PARROQUIA E AS PERSOAS QUE A HABITAN

Continuando co traballo na aula de 5º  seguimos a nosa andaina polo territorio.
Unha vez visto o relevo e as súas características comezamos a observar ás persoas que nel habitan...

Os e as súas poboadoras, como se organizan, os movementos migratorios, as principais actividades económicas, etc.

Pare elo comezaremos cunha enquisa nas nosas casas... As nosas avoas e os nosos avós. As nais e os pais, tías e tíos, a nosa familia, axudarannos a saber un pouquiño máis do presente pero, sobretodo, do pasado. Daquelo que nós non podemos ver pero que eles e elas viviron e, de seguro, teñen un bó recordo.

Algunhas das preguntas que podemos facernos son as seguintes:

A CONTINUACIÓN E DE COR VERMELLO SINALAMOS AS RESPOSTAS DAS FAMILIAS ÁS CUESTIÓNS PLANTEXADAS...

- En que parroquia vives?

Cereixal, Pereira de Cervantes, Vilar de Pousada, Dorna de Cervantes, Pando, Tortes, San Xoán de Becerreá, Cadoalla, Navia de Suarna e Guilfrei. 
Temos en conta aquí que algunhas familias falan das parroquias onde naceron e que pertencen ao Concello de Navia de Suarna ou de Cervantes.

- Cantas casas hai? Delas, cantas están habitadas?

De media, máis da metade das casas das parroquias están deshabitadas.

- Hai máis homes ou máis mulleres?

En cinco parroquias hai máis homes ca mulleres. Sendo en catro delas onde o número de mulleres é superior ao de homes. 

- Que actividade económica é a predominante na parroquia?

Na totalidade das parroquias o sector predominante é o sector primario. A agricultura e a gandeiría.

- Coñeces algunha persoa da túa parroquia que fora ou sexa emigrante? A ónde emigrou?

Agás dúas familias, todas coñecen a persoas que foron ou son emigrantes. Os países de destino foron Arxentina, Venezuela, Francia, Inglaterra, Suiza ou Alemaña.

- Hai máis nenos ou nenas ca ti? Cando naceu o último neno ou nena?

Na maioría das parroquias hai máis nenos ou nenas que nós. Elisa en Cadoalla e Laura en Pando sinalan que as últimas nenas en nacer foron elas, no ano 2002.

- Hai escola na túa parroquia? Está aberta? En que ano se pechou? Cantos nenos e nenas chegaron a ir á esta escola?

En todas as parroquias hai escola e todas están pechadas, agás en Navia de Suarna onde aínda está a escola de educación primaria e o primeiro ciclo da ESO. Sinalan que a media de alumnado que chegou a ir a estas escolas foi dunhas 40 persoas e os anos de peche foron arredor de 1978 - 1981.

Podemos continuar o traballo traendo á escola algunha fotografía destas antigas escolas que, deseguro, teñen moita historia que contarnos... Alguén se anima?

Agardaremos pois a colaboración das nosas familias para ir resolvendo estas dúbidas e coñecendo pouco a pouco as características da poboación das nosas parroquias, concello ou comarca.

Alá vamos!




Mapa de Galicia e situación do Concello de Becerreá, Comarca dos Ancares.

jueves, 17 de enero de 2013

O RELEVO E A POLÍTICA AGRARIA COMÚN. A PAC


A constante transformación do relevo terrestre levou ao xurdimento da Península Ibérica tal e como a coñecemos hoxe en día. Na aula reflexionamos coa axuda dun interesante video que nos descubre o pasado e nos explica parte do presente...

O relevo da nosa comarca determina os usos da terra que se fan nela. É algo sobre o que estamos reflexionando na aula  nestes días. A través do estudo do relevo, tanto da península como de Galicia, descubrimos como os usos do territorio son diferentes nas paisaxes de costa, de montaña ou de chaira.

Nós atopámonos nos Ancares, unha zona de alta montaña, cuxo territorio é fundamentalmente rural e onde a maior parte da poboación se adica a agricultura e a gandeiría.

Dende Unións Agrarias xurdiu a proposta de coñecer que é iso da PAC ... Unhas siglas que non tiñamos escoitado nunca e que son tan importantes para o noso territorio.

No blog do Plan Proxecta da escola podemos ver a presentación a través da cal establecemos un debate sobre os usos do territorio, a importancia da acción de labregos e labregas no nos territorio e as políticas que determinan a vida cotiá destas persoas.

Estas son algunhas das fotos que amosan a nosa participación na actividade... Esperamos que vos gusten!







VISITA A CARPINTARIA... DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE NO NOSO CONCELLO.

A finais do mes de novembro visitamos a carpintaría do noso veciño Ignacio. Unha carpintaría artesanal que pode ser un bó exemplo do que significa o DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE. Esta é a entrevista que nenos e nenas de 5º de primaria lle fixeron a Ignacio preparando eles mesmos as preguntas que máis lles interesaban...

  • Como sabes que árbores escoller para o teu traballo?
- Dependendo do traballo que vaia a facer, atendendo ás características da madeira... Por exemplo, para facer unha escada emprego  o teixo. Para facer un utensilio que sirva para botar alimentos a vidueira... Se necesito que o que vaia a facer ula  ben o loureiro, ciprés ou o cedro.
  • Que especies empregas normalmente no teu traballo? A que bosques recurres para obter recursos?
- Árbores autóctonas. Ás veces madeiras tropicais en pequenas cantidades e puntualmente. Para elexir a madeira coa que vou traballar recurro aos bosques da nosa contorna, ás veces acompañado por outras persoas profesionais que me axudan na escolla.
  • Canto tardas normalmente  en facer un moble?
- Depende... Dende dous días ata catro meses... O moble que máis tempo me levou facer foi un moble para ferramentas... Un par de meses botei con este traballo!
  • Inflúe o clima e o tempo na calidade  da madeira?
- Por suposto que inflúe! Un dos factores que máis se ten que ter en conta é a humidade. En ambientes húmidos a madeira aguanta menos. En climas fríos a madeira é máis resistente. Como exemplo temos as casas construidas con madeira no norte de Europa.
  • Cal foi o moble máis imprsionante que fixeches?
- O moble das ferramentas do que antes vos falei... Téñolle un especial cariño. Tamén teño unha serie de traballo como son mobles xigantes: bancos, mesas, cadeiras...
  • É o teu traballo respectuoso co medio natural? Consideras que realizas un traballo que promove o desenvolvemento sustentable? 
- Penso que si. Tal e como vos expliquei antes, trato de empregar madeira de árbores autóctonas, escollidas coidadosamente e de xeito que respecte o medio no que os atopamos. Do mesmo xeito, ao seren árbores da contorna non contamino moito nos desprazamentos cando os teño que ir a buscar. Non é o mesmo traer árbores da amazonia que coller madeira nos montes de Becerreá... Tamén son especialemente coidadoso coa xestión dos residuos que xero coa miña actividade. Outro tema importante é o tipo de pintura que emprego nos meus mobles. Trato de escolle as que menos impacto teñen para a saúde das persoas e para o medio ambiente.
  • Pensas que os teus mobles teñen un precio xusto?
- Prezo xusto? Teríamos que discutir que é o prezo xusto! Eu penso que o prezo dos traballos non se paga só con diñeiro... A satisfacción de quen o fai e de quen o recibe tamén ten un valor moi alto para min... Non pretendo sacar o máximo beneficio económico do meu traballo.
  • Por que elexiches esta profesión? Pensas facer máis grande a carpintaría?
- O meu pai era carpinteiro. Ademais gústanme as posibilidades que ofrece traballar a madeira como recurso. En canto a aumentar o espazo na carpintaría... Non, non penso nunha ampliación, estou cómodo traballando neste espazo, o que me permite facer un traballo máis respectuoso co medio e facendo un uso responsable dos recursos.

Aquí están algunhas das fotos da visita!