jueves, 6 de junio de 2013

A Idade Media en Becerreá

Rematamos o curso facendo un repaso do que foi a Idade Media.

Atopamos no concello arte relacionado con esta etapa?

Imos ver se coñecemos algúns destes lugares...


Viaxamos a Idade Media da man do románico!



Medio Ambiente, Historia e Conservación do Patrimonio.


Esta semana trataremos de ligar o estudo da historia co presente atendendo a importancia de coidar o Medio Ambiente. Así pois celebraremos na aula o día do Medio Ambiente, que se conmemora o 5 de xuño.

Coñecemento do Medio implica o coñecemento da nosa historia, o coñecemento do que agocha o noso territorio. Do mesmo xeito, entender as relacións que se establecen entre o ser humano e o territorio que habita pode axudar a unha mellor conservación do medio e á mellora da nosa contorna.

Así en Becerreá, os restos prehistóricos e a propia historia fala para nós...

Do Paleolítico, o xacemento de Valdavara, no noso concello, atópase entre os demáis sona de Galicia. Os coñecidos como Valdavara I e Valdavara II foron descubertos a finais dos anos 50. 
Apareceron ferramentas de óso, pedra ou puntas de proxectís de asta de cervo.

A canteira da empresa Campesa (coñecido como Valdavara III) puxo ao descuberto fósiles de fauna e pezas do Paleolítico que se suman aos materiais atopados con anterioridade. 

Este último xacemento foi descuberto cando unha voadura con dinamita o que, se ben propiciou sacar á luz os achados, tamén destruíu parte da grura.

Ao respecto do megalitismo sabemos de nove necrópoles que agochan, ao menos, unha ducia de enterramentos, a maioría sen cámara. Atopamos restos destas construcións no Monte da Medorra (Cascallá), Os Lagorzos (O Cereixal), Chao do Marco (Fontarón) ou Cabeza do Río (Furco).

Da cultura castrexa podemos dicir que dos trinta e tres castros localizados só se realizou unha intervención arqueolóxica no castro do Enciñal, en Cadoalla, cando as obras da autoestrada A6, no ano 1999 o que supuxo a destrución total do xacemento. 

Os restantes atópanse moi alterados pola intervención humana posterior (repoboación forestal, aproveitamento agrícola, construcións, apertura de pistas, etc. )

Pero aínda temos restos que conservan case intacta a súa primitiva configuración: Cantiz, Vilar de Ousón, Vilamane ou Castelmaría. 

En canto á Romanización sabemos que pola comarca pasaba a vía XIX que comunicaba Braga con Astorga. Desta partían unha serie de calzadas transversais que conectaban a zona costeira coa central, e esta coas serras orientais. 

Aínda que na comarca non se atopan os tramos mellor conservados, si están os máis espectaculares. Ademais desta importantísima infraestrutura viaria que marcaría o final da calzada na Galicia actual, a presenza romana é nidia: os citados castros romanizados, miliarios, aras, pontes, minas...


martes, 14 de mayo de 2013

Nas letras galegas...

Hoxe imos a compartir coas nenas e nenos de 6º e 4º algúns poemas de escritores e escritoras galegas que lle escriben á natureza, á cultura ou a nosa terra. Son poemas acompañados de imaxes das nosas aldeas, ríos, árbores...

Daremos lectura a escritos de Rosalía de Castro, Manuel María, Uxío Novoneyra e Mero.
Parece que escribiran sobre as nosas aldeas!

Agardamos o disfrutedes...

In Memorian da Escola Unitaria, Mero.

Fala o arado, Manuel María.

A Natureza, Manuel María

Rás, Rosalía de Castro. Follas Novas

Ríos, Uxío Novoneyra

Falan os Ríos, Manuel María

Maio longo. Rosalía de Castro

Aquí  podedes atopar o video que amosa a nosa lectura para os compañeiros e compañeiras.

martes, 7 de mayo de 2013

A Prehistoria

Comezamos a traballar cara á excursión de fin de curso que nos levará a Asturias, Cantabria e País Vasco.

Entre outras actividades imos visitar a cova de ALTAMIRA, na que poderemos observar as pegadas dos habitantes na mesma durante a Prehistoria ata que tiveron que abandonala, fai uns 13.000 anos porque a entrada principal da cova quedou pechada por un derrube.

Félix Rodríguez de la Fuente achéganos a aquela realidade a través do programa "El Bosque Habitado",de Radio 3,  falando sobre o Home e o Oso.

Comeza falando da relación da especie de Neardental  (habitou Europa occidental dende hai 230.000 anos ata 28.000 anos atrás) cos osos cavernarios ata facer unha análise da situación actual do oso na Península Ibérica.

Nos últimos días estes animais estiveron camiñando arredor da nosa contorna.

AQUÍ tedes a nova no xornal "El diario de León".

Comezamos pois a coñecer a nosa historia.

miércoles, 24 de abril de 2013

Unha empresa mineira na Reserva da Biosfera

Hoxe reflexionaremos sobre esta NOVA que acaba de chegar as nosas mans.

O coñecemento do medio implica ter criterio para opinar, debatir e sacar conclusións sobre os impactos que algunhas actividades humanas teñen sobre o medio no que vivimos e que serán o soporte para o noso desenvolvemento como persoas no futuro.

Imos pois a darlle lectura e opinar sobre a nova que onte nos deron a coñecer os medios de comunicación.

O Río Donsal

Seguimos avanzando no coñecemento do medio e onte saímos a percorrer o Río Donsal, afluente do Río Navia.

Un río que discorre polo noso Concello e que goza dunha ruta de sendeirismo que nos permitiu reflexionar sobre o aproveitamenteo da auga e a importancia da mesma para a vida do ser humano.

Observamos como é posible desenvolver unha actitude de respecto ao medio mediante o coidado das fontes, dos banzados, dos regos nos prados e moitas cousas máis.

Outra da reflexión que fixemos foi sobre os recursos dos que dispoñemos na nosa comarca e o seu aproveitamento por parte das persoas que  habitan aquí. Por exemplo o aproveitamento de boas zonas para a extracción dun produto tan doce como a mel, actividade moi común nas aldeas.

Entre as plantas que recoñecemos estaban o rusco, a primavera ou a menta entre outras. As árbores que atopamos foron: carballos, amieiros, bidueiros, castiñeiros, espiños e moitas outras que dan mostra da biodiversidade propia da zona.

Aquí tedes FOTOS DA ACTIVIDADE que vos darán unha pista do día que disfrutamos.

Do memos xeito, e cadrando que o Día do Libro se cruzou no noso camiño, aproveitamos para ler lendas e  ditos relacionados coas aldeas certificando así a importancia da auga no Concello de Becerreá.

Estes son algunhas das historias que os nenos e nenas de 3º recompilaron para nós.

lunes, 15 de abril de 2013

Saímos á cidade de A Coruña

Saímos da escola e imos á cidade de A Coruña... Mirade aquí algunhas fotos do día.

Despois de traballar cos materiais do Proxecto Terra durante uns días imos ver na realidade a importancia da axeitada xestión do territorio e como inflúen na paisaxe as diferentes actividades dos seres humanos. 

Reflexionaremos tamén sobre as diferenzas do territorio: as nosas aldeas e vila e unha cidade...

Teñen algo en común?
En que se asemellan? Cales son as diferenzas? 

Para animar o día e, a proposta de Gema, a mestra de música, imos axudarnos coa canción "Don't worry, be happy!" 

Agora que o sol nos acompaña... Disfrutade dela e moi bo día de coñecemento e aprendizaxe fóra das aulas!


martes, 19 de marzo de 2013

A LONTRA, A AUGA E AS ÁRBORES NOS ANCARES


A LONTRA, o maior animal acuático e carnívoro que habita os ríos dos Ancares, lévanos a coñecer, na Semana da Árbore e a Auga, cales son os principais ríos da nosa comarca e as súas características.

Por que é posible que a lontra sobreviva nos nosos ríos?
Que condicións precisa ter a auga que por eles discorre para permitir a vida de animais coma este?

Imos ver se descubrimos algo da man do libro de contos "VIAXE POLOS RÍOS E AS ÁRBORES DOS ANCARES".

A escritora nacida en Becerreá, Helena Villar Janeiro, fálanos no xornal "El Correo Gallego" sobre o libro, así como da importancia da celebración deste día. Podes ver o enlace ao artigo de opinión publicado no xornal aquí.



HELENA VILLAR JANEIRO

Días da árbore e da auga

A ESTAS alturas do mes de marzo, tocando o equinocio de primavera, prepáranse as celebracións do renacer da vida no noso ámbito xeográfico. A Terra, maltratada polos humanos, está sometida a unha degración que se inicia na parte habitada e acaba nos océanos a través das primeiras canles de comunición e propiciadoras de recursos vitais: os ríos. Ademais dos residuos nocivos que eles arrastran, está o problema da deforestación que acarrea a sobreexplotación do planeta. A merma arbórea fai recuar os espazos necesarios para o almacenamento da auga e a produción do osíxerno imprescindible para a vida.
Tomar conciencia dos problemas medioambientais leva a acotar zonas privilexiadas dotándoas de protección que preserve parte da biosfera e compense dos abusos dun desenvolvemento desaprensivo que só busca beneficios económicos, e cada vez fai máis ricos aos ricos e máis pobres aos pobres.
Ante uns feitos tan ameazadores para a vida do planeta, as accións compensatorias teñen que ir dirixidas á prevención, concienciando á sociedade e servíndose da educación institucional. A defensa do medioambiente é un contido compartido por todas as áreas do curriculum, pero precisa tamén tratamento puntual. Nesta dirección vai o libro que ven de editar a Deputación de Lugo sobre un dos espazos de máis forza telúrica da provincia, Os Ancares, celebrando alí os Días Mundias da Árbore e da Auga (21 e 22 de marzo).
Viaxe polos ríos e árbores dos Ancares. Reserva da Biosfera, é un pequeno manual que motiva o coñecemento dos montes ancareses de Navia, Cervantes e Becerreá mediante un percorrido no que se enlazan relatos literarios de nove escritores e escritoras vinculados a Lugo con cadansúa fotografía ilustrativa das diferentes paraxes desas montañas, desde a morea glaciar de Piornedo ata o Navia. Os microrrelatos van enchendo de maxia literaria a vida daquelas terras unidos polo fío condutor dunha pita do monte, ave protexida que adorna coas súa presenza as paisaxes que vai mostrando á infancia lectora.
Dirixido aos centros de ensino primario, incorpora ao principio un pequeno esquema como suxerencia das actividade de cada un dos días e remata con tres páxinas de información complementaria e debidamente fragmentada para aprofundar no coñecemento do bosque, das árbores e da auga.

martes, 12 de marzo de 2013

A AUGA, UN BEN NECESARIO PARA A VIDA DAS PERSOAS.

A auga, un ben necesario para a vida das persoas, será o tema que nos ocupe agora unha tempada. 

En Galicia sempre se escribiu sobre a auga, sobre os ríos, as lagoas... A súa importancia é e foi vital para o desenvolvemento da vida e da economía. 

Manuel María, poeta da Terra Chá, escribira algunhas palabras sobre o río Miño: 

"O Miño é vello e é tristeiro:
sempre vai mudo e vai senlleiro.
No inverno semella que marmura
un sagredo con forte voz escura.
Ún escoita, atento e espranzado, 
e o vello Miño sempre vai calado."

Será esta sinal da importancia da auga para ás persoas?

Logo de buscar na biblioteca libros que nos falen da auga, imos ver "El hombre y la Tierra: la conquista del agua."

Félix Rodriguez de la Fuente fálanos dunha ave e un mamífero que se adaptaron perfectamente á vida nos ríos de montaña. 



 

miércoles, 6 de marzo de 2013

MIGRACIÓNS NAS NOSAS FAMILIAS

Sendo as migracións un fenómeno mundial, hoxe imos coñecer a experiencia de Miguel e Carmen, os avós de Samara e Xoel que nos falarán sobre a súa experiencia como emigrantes na década dos 60.

De seguro a súa experiencia nos axudará a comprender moito mellor  a emigración e a inmigración e trataremos de comprender que non é algo tan lonxano, se non que está moi presente na nosa realidade actual.

Agardamos disfrutar da compañía na escola!



A emigración no Concello de Becerreá from crislgt

Algunhas fotos do día compartido...







E para rematar o video da canción "Papeles mojados" de Chambao, na que nos fala da outra cara: a inmigración en España.


lunes, 4 de marzo de 2013

OS SECTORES ECONÓMICOS NA PRENSA E A DEBATE

Cinco de cada cen persoas en España e doce de cada cen en Galicia traballan no sector primario.
Sendo no noso concello, o Concello de Becerreá, un 80 % da poboación a que traballa neste sector imos observar a seguinte gráfica:




Cal foi a evolución dos diferentes sectores económicos dende o ano 1900 ata o ano 2010?
Cal foi o sector económico que maior evolución experimentou?
Que sucede co sector secundario?
E co primario?

Imos ver agora un par de noticias de actualidade. Un artigo do xornal "El País" do domingo 25 de novembro de 2012 relacionada coa industria alimentaria.






martes, 19 de febrero de 2013

Poboación e actividades económicas.

Coñecemos o Concello, as parroquias nas que vivimos, cantas persoas viven e a densidade media da poboación. Observamos, e concluimos, que o noso concello ten unha densidade media de poboación moi inferior á media de Galicia, menos de 25 hab./km2. A densidade media de Galicia atópase en 94 hab./km2.

A parroquia máis poboada é a de San Xoán de Becerreá, capital do concello e cabeceira de comarca. Hai unha parrroquia que sobrepasa os 25 hab./km2. E a parroquia de Ousón.

Cos datos extraídos elaboramos o noso propio mapa de densidade de poboación do Concello.

Aquí temos algúns artigos publicados na prensa que falan da situación demográfica tanto a nivel estatal como autonómico. A súa lectura, e posterior análise, achegaranos á realidade actual da sociedade da que formamos parte.

- Fenómeno das persianas pechadas.
- Despoboamento. 
- Saldo migratorio negativo en Galicia
- Crecemento poboacional nos últimos 10 anos e decrecemento nos vindeiros anos. 



Agora imos estudar que ocorre coas persoas que aquí viven, a que se adican as nosas familias? Que traballos desenvolven? Cal é o uso principal da terra?

Para comezar algúns datos:

SOCIOECONOMÍA

A base productiva do Concello de Becerreá atópase no sector primario, ocupando ao 80 % da poboación activa. Agricultura e gandeiría están íntimamente integradas. A superficie cultivada representa o 7'76 % da superficie total, ocupando o resto o policultivo de montaña. Prados e pastos supoñen o 11 % fronte ao espazo forestal que ocupa o 77 %. Polo que se refire ás explotacións agrícolas, conviven o policultivo de autoconsumo e o cultivo do cereal. A cabana gandeira intensificouse, destacando a cabana bovina con 3.753 cabezas, destinándose o 50 % á producción da cuota láctea. O tamaño destas explotacións é reducido, de carácter familiar, cunha media inferior ás 10 cabezas por unidade de explotación. Os subsectores porcino, ovino e equino teñen menor presenza. A explotación forestal está magníficamente representada nos poblados bosques de carballos, castiñeiros, pinos, e bidueiros. En canto ao sector secundario, depende principalmente do sector agropecuario, como é a explotación da riqueza forestal. O sector servizos, en crecemento, tenta centrar a súa oferta no turismo rural. O comercio é ao por menor, de estructura familiar  e ten a capital municipal como principal foco de actividades e de servizos.


POBOACIÓN EN VIVENDAS FAMILIARES OCUPADA SEGUNDO SEXO E RAMA DE ACTIVIDADE

Total
Homes
Mulleres
Total
1.313
780
533
Agricultura, gandería, caza e silvicultura
555
305
250
Pesca
0
0
0
Industria
56
45
11
Construcción
138
132
6
Servizos
564
298
266



A nivel mundial podemos observar AQUÍ como se distribúe a poboación.


miércoles, 30 de enero de 2013

AS PARROQUIAS DO NOSO CONCELLO

Unha vez temos as entrevistas que fixemos a nosa familia, podemos tirar varias conclusión ás que chegamos entre todas... Imos ver cales son:

- En todas elas hai poucas casas habitadas. As aldeas sofren un problema de despoboamento.
- En todas as parroquias hai escolas e todas están pechadas. O número medio de nenos e nenas que       chegaron a ir a estas escolas é de unha media de 40 persoas.
- O principal sector económico é a agricultura e a gandeiría.
- O fenómeno migratorio deuse e dase na práctica totalidade das parroquias.

Agora continuamos co traballo...
Sabemos que é unha parroquia? Coñecemos todas as parroquias do noso Concello?
Imos aló! Tentaremos ubicar as nosas aldeas no mapa e coñecer onde viven os nosos compañeiros e compañeiras e as características das súas aldeas... Serán similares ás nosas???

AS PARROQUIAS DO CONCELLO DE BECERREÁ


A QUE PARROQUIA PERTENCE A MIÑA ALDEA?
QUE É UNHA PARROQUIA? BUSCA MÁIS INFORMACIÓN SOBRE A TÚA PARROQUIA.
CANTAS ALDEAS HAI?  CANTOS HABITANTES TEN? CANTOS HOMES E CANTAS MULLERES?

CONSULTA:




lunes, 28 de enero de 2013

ONDE VIVIMOS? A PARROQUIA E AS PERSOAS QUE A HABITAN

Continuando co traballo na aula de 5º  seguimos a nosa andaina polo territorio.
Unha vez visto o relevo e as súas características comezamos a observar ás persoas que nel habitan...

Os e as súas poboadoras, como se organizan, os movementos migratorios, as principais actividades económicas, etc.

Pare elo comezaremos cunha enquisa nas nosas casas... As nosas avoas e os nosos avós. As nais e os pais, tías e tíos, a nosa familia, axudarannos a saber un pouquiño máis do presente pero, sobretodo, do pasado. Daquelo que nós non podemos ver pero que eles e elas viviron e, de seguro, teñen un bó recordo.

Algunhas das preguntas que podemos facernos son as seguintes:

A CONTINUACIÓN E DE COR VERMELLO SINALAMOS AS RESPOSTAS DAS FAMILIAS ÁS CUESTIÓNS PLANTEXADAS...

- En que parroquia vives?

Cereixal, Pereira de Cervantes, Vilar de Pousada, Dorna de Cervantes, Pando, Tortes, San Xoán de Becerreá, Cadoalla, Navia de Suarna e Guilfrei. 
Temos en conta aquí que algunhas familias falan das parroquias onde naceron e que pertencen ao Concello de Navia de Suarna ou de Cervantes.

- Cantas casas hai? Delas, cantas están habitadas?

De media, máis da metade das casas das parroquias están deshabitadas.

- Hai máis homes ou máis mulleres?

En cinco parroquias hai máis homes ca mulleres. Sendo en catro delas onde o número de mulleres é superior ao de homes. 

- Que actividade económica é a predominante na parroquia?

Na totalidade das parroquias o sector predominante é o sector primario. A agricultura e a gandeiría.

- Coñeces algunha persoa da túa parroquia que fora ou sexa emigrante? A ónde emigrou?

Agás dúas familias, todas coñecen a persoas que foron ou son emigrantes. Os países de destino foron Arxentina, Venezuela, Francia, Inglaterra, Suiza ou Alemaña.

- Hai máis nenos ou nenas ca ti? Cando naceu o último neno ou nena?

Na maioría das parroquias hai máis nenos ou nenas que nós. Elisa en Cadoalla e Laura en Pando sinalan que as últimas nenas en nacer foron elas, no ano 2002.

- Hai escola na túa parroquia? Está aberta? En que ano se pechou? Cantos nenos e nenas chegaron a ir á esta escola?

En todas as parroquias hai escola e todas están pechadas, agás en Navia de Suarna onde aínda está a escola de educación primaria e o primeiro ciclo da ESO. Sinalan que a media de alumnado que chegou a ir a estas escolas foi dunhas 40 persoas e os anos de peche foron arredor de 1978 - 1981.

Podemos continuar o traballo traendo á escola algunha fotografía destas antigas escolas que, deseguro, teñen moita historia que contarnos... Alguén se anima?

Agardaremos pois a colaboración das nosas familias para ir resolvendo estas dúbidas e coñecendo pouco a pouco as características da poboación das nosas parroquias, concello ou comarca.

Alá vamos!




Mapa de Galicia e situación do Concello de Becerreá, Comarca dos Ancares.

jueves, 17 de enero de 2013

O RELEVO E A POLÍTICA AGRARIA COMÚN. A PAC


A constante transformación do relevo terrestre levou ao xurdimento da Península Ibérica tal e como a coñecemos hoxe en día. Na aula reflexionamos coa axuda dun interesante video que nos descubre o pasado e nos explica parte do presente...

O relevo da nosa comarca determina os usos da terra que se fan nela. É algo sobre o que estamos reflexionando na aula  nestes días. A través do estudo do relevo, tanto da península como de Galicia, descubrimos como os usos do territorio son diferentes nas paisaxes de costa, de montaña ou de chaira.

Nós atopámonos nos Ancares, unha zona de alta montaña, cuxo territorio é fundamentalmente rural e onde a maior parte da poboación se adica a agricultura e a gandeiría.

Dende Unións Agrarias xurdiu a proposta de coñecer que é iso da PAC ... Unhas siglas que non tiñamos escoitado nunca e que son tan importantes para o noso territorio.

No blog do Plan Proxecta da escola podemos ver a presentación a través da cal establecemos un debate sobre os usos do territorio, a importancia da acción de labregos e labregas no nos territorio e as políticas que determinan a vida cotiá destas persoas.

Estas son algunhas das fotos que amosan a nosa participación na actividade... Esperamos que vos gusten!







VISITA A CARPINTARIA... DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE NO NOSO CONCELLO.

A finais do mes de novembro visitamos a carpintaría do noso veciño Ignacio. Unha carpintaría artesanal que pode ser un bó exemplo do que significa o DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE. Esta é a entrevista que nenos e nenas de 5º de primaria lle fixeron a Ignacio preparando eles mesmos as preguntas que máis lles interesaban...

  • Como sabes que árbores escoller para o teu traballo?
- Dependendo do traballo que vaia a facer, atendendo ás características da madeira... Por exemplo, para facer unha escada emprego  o teixo. Para facer un utensilio que sirva para botar alimentos a vidueira... Se necesito que o que vaia a facer ula  ben o loureiro, ciprés ou o cedro.
  • Que especies empregas normalmente no teu traballo? A que bosques recurres para obter recursos?
- Árbores autóctonas. Ás veces madeiras tropicais en pequenas cantidades e puntualmente. Para elexir a madeira coa que vou traballar recurro aos bosques da nosa contorna, ás veces acompañado por outras persoas profesionais que me axudan na escolla.
  • Canto tardas normalmente  en facer un moble?
- Depende... Dende dous días ata catro meses... O moble que máis tempo me levou facer foi un moble para ferramentas... Un par de meses botei con este traballo!
  • Inflúe o clima e o tempo na calidade  da madeira?
- Por suposto que inflúe! Un dos factores que máis se ten que ter en conta é a humidade. En ambientes húmidos a madeira aguanta menos. En climas fríos a madeira é máis resistente. Como exemplo temos as casas construidas con madeira no norte de Europa.
  • Cal foi o moble máis imprsionante que fixeches?
- O moble das ferramentas do que antes vos falei... Téñolle un especial cariño. Tamén teño unha serie de traballo como son mobles xigantes: bancos, mesas, cadeiras...
  • É o teu traballo respectuoso co medio natural? Consideras que realizas un traballo que promove o desenvolvemento sustentable? 
- Penso que si. Tal e como vos expliquei antes, trato de empregar madeira de árbores autóctonas, escollidas coidadosamente e de xeito que respecte o medio no que os atopamos. Do mesmo xeito, ao seren árbores da contorna non contamino moito nos desprazamentos cando os teño que ir a buscar. Non é o mesmo traer árbores da amazonia que coller madeira nos montes de Becerreá... Tamén son especialemente coidadoso coa xestión dos residuos que xero coa miña actividade. Outro tema importante é o tipo de pintura que emprego nos meus mobles. Trato de escolle as que menos impacto teñen para a saúde das persoas e para o medio ambiente.
  • Pensas que os teus mobles teñen un precio xusto?
- Prezo xusto? Teríamos que discutir que é o prezo xusto! Eu penso que o prezo dos traballos non se paga só con diñeiro... A satisfacción de quen o fai e de quen o recibe tamén ten un valor moi alto para min... Non pretendo sacar o máximo beneficio económico do meu traballo.
  • Por que elexiches esta profesión? Pensas facer máis grande a carpintaría?
- O meu pai era carpinteiro. Ademais gústanme as posibilidades que ofrece traballar a madeira como recurso. En canto a aumentar o espazo na carpintaría... Non, non penso nunha ampliación, estou cómodo traballando neste espazo, o que me permite facer un traballo máis respectuoso co medio e facendo un uso responsable dos recursos.

Aquí están algunhas das fotos da visita!