martes, 14 de mayo de 2013

Nas letras galegas...

Hoxe imos a compartir coas nenas e nenos de 6º e 4º algúns poemas de escritores e escritoras galegas que lle escriben á natureza, á cultura ou a nosa terra. Son poemas acompañados de imaxes das nosas aldeas, ríos, árbores...

Daremos lectura a escritos de Rosalía de Castro, Manuel María, Uxío Novoneyra e Mero.
Parece que escribiran sobre as nosas aldeas!

Agardamos o disfrutedes...

In Memorian da Escola Unitaria, Mero.

Fala o arado, Manuel María.

A Natureza, Manuel María

Rás, Rosalía de Castro. Follas Novas

Ríos, Uxío Novoneyra

Falan os Ríos, Manuel María

Maio longo. Rosalía de Castro

Aquí  podedes atopar o video que amosa a nosa lectura para os compañeiros e compañeiras.

martes, 7 de mayo de 2013

A Prehistoria

Comezamos a traballar cara á excursión de fin de curso que nos levará a Asturias, Cantabria e País Vasco.

Entre outras actividades imos visitar a cova de ALTAMIRA, na que poderemos observar as pegadas dos habitantes na mesma durante a Prehistoria ata que tiveron que abandonala, fai uns 13.000 anos porque a entrada principal da cova quedou pechada por un derrube.

Félix Rodríguez de la Fuente achéganos a aquela realidade a través do programa "El Bosque Habitado",de Radio 3,  falando sobre o Home e o Oso.

Comeza falando da relación da especie de Neardental  (habitou Europa occidental dende hai 230.000 anos ata 28.000 anos atrás) cos osos cavernarios ata facer unha análise da situación actual do oso na Península Ibérica.

Nos últimos días estes animais estiveron camiñando arredor da nosa contorna.

AQUÍ tedes a nova no xornal "El diario de León".

Comezamos pois a coñecer a nosa historia.

miércoles, 24 de abril de 2013

Unha empresa mineira na Reserva da Biosfera

Hoxe reflexionaremos sobre esta NOVA que acaba de chegar as nosas mans.

O coñecemento do medio implica ter criterio para opinar, debatir e sacar conclusións sobre os impactos que algunhas actividades humanas teñen sobre o medio no que vivimos e que serán o soporte para o noso desenvolvemento como persoas no futuro.

Imos pois a darlle lectura e opinar sobre a nova que onte nos deron a coñecer os medios de comunicación.

O Río Donsal

Seguimos avanzando no coñecemento do medio e onte saímos a percorrer o Río Donsal, afluente do Río Navia.

Un río que discorre polo noso Concello e que goza dunha ruta de sendeirismo que nos permitiu reflexionar sobre o aproveitamenteo da auga e a importancia da mesma para a vida do ser humano.

Observamos como é posible desenvolver unha actitude de respecto ao medio mediante o coidado das fontes, dos banzados, dos regos nos prados e moitas cousas máis.

Outra da reflexión que fixemos foi sobre os recursos dos que dispoñemos na nosa comarca e o seu aproveitamento por parte das persoas que  habitan aquí. Por exemplo o aproveitamento de boas zonas para a extracción dun produto tan doce como a mel, actividade moi común nas aldeas.

Entre as plantas que recoñecemos estaban o rusco, a primavera ou a menta entre outras. As árbores que atopamos foron: carballos, amieiros, bidueiros, castiñeiros, espiños e moitas outras que dan mostra da biodiversidade propia da zona.

Aquí tedes FOTOS DA ACTIVIDADE que vos darán unha pista do día que disfrutamos.

Do memos xeito, e cadrando que o Día do Libro se cruzou no noso camiño, aproveitamos para ler lendas e  ditos relacionados coas aldeas certificando así a importancia da auga no Concello de Becerreá.

Estes son algunhas das historias que os nenos e nenas de 3º recompilaron para nós.

lunes, 15 de abril de 2013

Saímos á cidade de A Coruña

Saímos da escola e imos á cidade de A Coruña... Mirade aquí algunhas fotos do día.

Despois de traballar cos materiais do Proxecto Terra durante uns días imos ver na realidade a importancia da axeitada xestión do territorio e como inflúen na paisaxe as diferentes actividades dos seres humanos. 

Reflexionaremos tamén sobre as diferenzas do territorio: as nosas aldeas e vila e unha cidade...

Teñen algo en común?
En que se asemellan? Cales son as diferenzas? 

Para animar o día e, a proposta de Gema, a mestra de música, imos axudarnos coa canción "Don't worry, be happy!" 

Agora que o sol nos acompaña... Disfrutade dela e moi bo día de coñecemento e aprendizaxe fóra das aulas!


martes, 19 de marzo de 2013

A LONTRA, A AUGA E AS ÁRBORES NOS ANCARES


A LONTRA, o maior animal acuático e carnívoro que habita os ríos dos Ancares, lévanos a coñecer, na Semana da Árbore e a Auga, cales son os principais ríos da nosa comarca e as súas características.

Por que é posible que a lontra sobreviva nos nosos ríos?
Que condicións precisa ter a auga que por eles discorre para permitir a vida de animais coma este?

Imos ver se descubrimos algo da man do libro de contos "VIAXE POLOS RÍOS E AS ÁRBORES DOS ANCARES".

A escritora nacida en Becerreá, Helena Villar Janeiro, fálanos no xornal "El Correo Gallego" sobre o libro, así como da importancia da celebración deste día. Podes ver o enlace ao artigo de opinión publicado no xornal aquí.



HELENA VILLAR JANEIRO

Días da árbore e da auga

A ESTAS alturas do mes de marzo, tocando o equinocio de primavera, prepáranse as celebracións do renacer da vida no noso ámbito xeográfico. A Terra, maltratada polos humanos, está sometida a unha degración que se inicia na parte habitada e acaba nos océanos a través das primeiras canles de comunición e propiciadoras de recursos vitais: os ríos. Ademais dos residuos nocivos que eles arrastran, está o problema da deforestación que acarrea a sobreexplotación do planeta. A merma arbórea fai recuar os espazos necesarios para o almacenamento da auga e a produción do osíxerno imprescindible para a vida.
Tomar conciencia dos problemas medioambientais leva a acotar zonas privilexiadas dotándoas de protección que preserve parte da biosfera e compense dos abusos dun desenvolvemento desaprensivo que só busca beneficios económicos, e cada vez fai máis ricos aos ricos e máis pobres aos pobres.
Ante uns feitos tan ameazadores para a vida do planeta, as accións compensatorias teñen que ir dirixidas á prevención, concienciando á sociedade e servíndose da educación institucional. A defensa do medioambiente é un contido compartido por todas as áreas do curriculum, pero precisa tamén tratamento puntual. Nesta dirección vai o libro que ven de editar a Deputación de Lugo sobre un dos espazos de máis forza telúrica da provincia, Os Ancares, celebrando alí os Días Mundias da Árbore e da Auga (21 e 22 de marzo).
Viaxe polos ríos e árbores dos Ancares. Reserva da Biosfera, é un pequeno manual que motiva o coñecemento dos montes ancareses de Navia, Cervantes e Becerreá mediante un percorrido no que se enlazan relatos literarios de nove escritores e escritoras vinculados a Lugo con cadansúa fotografía ilustrativa das diferentes paraxes desas montañas, desde a morea glaciar de Piornedo ata o Navia. Os microrrelatos van enchendo de maxia literaria a vida daquelas terras unidos polo fío condutor dunha pita do monte, ave protexida que adorna coas súa presenza as paisaxes que vai mostrando á infancia lectora.
Dirixido aos centros de ensino primario, incorpora ao principio un pequeno esquema como suxerencia das actividade de cada un dos días e remata con tres páxinas de información complementaria e debidamente fragmentada para aprofundar no coñecemento do bosque, das árbores e da auga.

martes, 12 de marzo de 2013

A AUGA, UN BEN NECESARIO PARA A VIDA DAS PERSOAS.

A auga, un ben necesario para a vida das persoas, será o tema que nos ocupe agora unha tempada. 

En Galicia sempre se escribiu sobre a auga, sobre os ríos, as lagoas... A súa importancia é e foi vital para o desenvolvemento da vida e da economía. 

Manuel María, poeta da Terra Chá, escribira algunhas palabras sobre o río Miño: 

"O Miño é vello e é tristeiro:
sempre vai mudo e vai senlleiro.
No inverno semella que marmura
un sagredo con forte voz escura.
Ún escoita, atento e espranzado, 
e o vello Miño sempre vai calado."

Será esta sinal da importancia da auga para ás persoas?

Logo de buscar na biblioteca libros que nos falen da auga, imos ver "El hombre y la Tierra: la conquista del agua."

Félix Rodriguez de la Fuente fálanos dunha ave e un mamífero que se adaptaron perfectamente á vida nos ríos de montaña.