martes, 19 de febrero de 2013

Poboación e actividades económicas.

Coñecemos o Concello, as parroquias nas que vivimos, cantas persoas viven e a densidade media da poboación. Observamos, e concluimos, que o noso concello ten unha densidade media de poboación moi inferior á media de Galicia, menos de 25 hab./km2. A densidade media de Galicia atópase en 94 hab./km2.

A parroquia máis poboada é a de San Xoán de Becerreá, capital do concello e cabeceira de comarca. Hai unha parrroquia que sobrepasa os 25 hab./km2. E a parroquia de Ousón.

Cos datos extraídos elaboramos o noso propio mapa de densidade de poboación do Concello.

Aquí temos algúns artigos publicados na prensa que falan da situación demográfica tanto a nivel estatal como autonómico. A súa lectura, e posterior análise, achegaranos á realidade actual da sociedade da que formamos parte.

- Fenómeno das persianas pechadas.
- Despoboamento. 
- Saldo migratorio negativo en Galicia
- Crecemento poboacional nos últimos 10 anos e decrecemento nos vindeiros anos. 



Agora imos estudar que ocorre coas persoas que aquí viven, a que se adican as nosas familias? Que traballos desenvolven? Cal é o uso principal da terra?

Para comezar algúns datos:

SOCIOECONOMÍA

A base productiva do Concello de Becerreá atópase no sector primario, ocupando ao 80 % da poboación activa. Agricultura e gandeiría están íntimamente integradas. A superficie cultivada representa o 7'76 % da superficie total, ocupando o resto o policultivo de montaña. Prados e pastos supoñen o 11 % fronte ao espazo forestal que ocupa o 77 %. Polo que se refire ás explotacións agrícolas, conviven o policultivo de autoconsumo e o cultivo do cereal. A cabana gandeira intensificouse, destacando a cabana bovina con 3.753 cabezas, destinándose o 50 % á producción da cuota láctea. O tamaño destas explotacións é reducido, de carácter familiar, cunha media inferior ás 10 cabezas por unidade de explotación. Os subsectores porcino, ovino e equino teñen menor presenza. A explotación forestal está magníficamente representada nos poblados bosques de carballos, castiñeiros, pinos, e bidueiros. En canto ao sector secundario, depende principalmente do sector agropecuario, como é a explotación da riqueza forestal. O sector servizos, en crecemento, tenta centrar a súa oferta no turismo rural. O comercio é ao por menor, de estructura familiar  e ten a capital municipal como principal foco de actividades e de servizos.


POBOACIÓN EN VIVENDAS FAMILIARES OCUPADA SEGUNDO SEXO E RAMA DE ACTIVIDADE

Total
Homes
Mulleres
Total
1.313
780
533
Agricultura, gandería, caza e silvicultura
555
305
250
Pesca
0
0
0
Industria
56
45
11
Construcción
138
132
6
Servizos
564
298
266



A nivel mundial podemos observar AQUÍ como se distribúe a poboación.


miércoles, 30 de enero de 2013

AS PARROQUIAS DO NOSO CONCELLO

Unha vez temos as entrevistas que fixemos a nosa familia, podemos tirar varias conclusión ás que chegamos entre todas... Imos ver cales son:

- En todas elas hai poucas casas habitadas. As aldeas sofren un problema de despoboamento.
- En todas as parroquias hai escolas e todas están pechadas. O número medio de nenos e nenas que       chegaron a ir a estas escolas é de unha media de 40 persoas.
- O principal sector económico é a agricultura e a gandeiría.
- O fenómeno migratorio deuse e dase na práctica totalidade das parroquias.

Agora continuamos co traballo...
Sabemos que é unha parroquia? Coñecemos todas as parroquias do noso Concello?
Imos aló! Tentaremos ubicar as nosas aldeas no mapa e coñecer onde viven os nosos compañeiros e compañeiras e as características das súas aldeas... Serán similares ás nosas???

AS PARROQUIAS DO CONCELLO DE BECERREÁ


A QUE PARROQUIA PERTENCE A MIÑA ALDEA?
QUE É UNHA PARROQUIA? BUSCA MÁIS INFORMACIÓN SOBRE A TÚA PARROQUIA.
CANTAS ALDEAS HAI?  CANTOS HABITANTES TEN? CANTOS HOMES E CANTAS MULLERES?

CONSULTA:




lunes, 28 de enero de 2013

ONDE VIVIMOS? A PARROQUIA E AS PERSOAS QUE A HABITAN

Continuando co traballo na aula de 5º  seguimos a nosa andaina polo territorio.
Unha vez visto o relevo e as súas características comezamos a observar ás persoas que nel habitan...

Os e as súas poboadoras, como se organizan, os movementos migratorios, as principais actividades económicas, etc.

Pare elo comezaremos cunha enquisa nas nosas casas... As nosas avoas e os nosos avós. As nais e os pais, tías e tíos, a nosa familia, axudarannos a saber un pouquiño máis do presente pero, sobretodo, do pasado. Daquelo que nós non podemos ver pero que eles e elas viviron e, de seguro, teñen un bó recordo.

Algunhas das preguntas que podemos facernos son as seguintes:

A CONTINUACIÓN E DE COR VERMELLO SINALAMOS AS RESPOSTAS DAS FAMILIAS ÁS CUESTIÓNS PLANTEXADAS...

- En que parroquia vives?

Cereixal, Pereira de Cervantes, Vilar de Pousada, Dorna de Cervantes, Pando, Tortes, San Xoán de Becerreá, Cadoalla, Navia de Suarna e Guilfrei. 
Temos en conta aquí que algunhas familias falan das parroquias onde naceron e que pertencen ao Concello de Navia de Suarna ou de Cervantes.

- Cantas casas hai? Delas, cantas están habitadas?

De media, máis da metade das casas das parroquias están deshabitadas.

- Hai máis homes ou máis mulleres?

En cinco parroquias hai máis homes ca mulleres. Sendo en catro delas onde o número de mulleres é superior ao de homes. 

- Que actividade económica é a predominante na parroquia?

Na totalidade das parroquias o sector predominante é o sector primario. A agricultura e a gandeiría.

- Coñeces algunha persoa da túa parroquia que fora ou sexa emigrante? A ónde emigrou?

Agás dúas familias, todas coñecen a persoas que foron ou son emigrantes. Os países de destino foron Arxentina, Venezuela, Francia, Inglaterra, Suiza ou Alemaña.

- Hai máis nenos ou nenas ca ti? Cando naceu o último neno ou nena?

Na maioría das parroquias hai máis nenos ou nenas que nós. Elisa en Cadoalla e Laura en Pando sinalan que as últimas nenas en nacer foron elas, no ano 2002.

- Hai escola na túa parroquia? Está aberta? En que ano se pechou? Cantos nenos e nenas chegaron a ir á esta escola?

En todas as parroquias hai escola e todas están pechadas, agás en Navia de Suarna onde aínda está a escola de educación primaria e o primeiro ciclo da ESO. Sinalan que a media de alumnado que chegou a ir a estas escolas foi dunhas 40 persoas e os anos de peche foron arredor de 1978 - 1981.

Podemos continuar o traballo traendo á escola algunha fotografía destas antigas escolas que, deseguro, teñen moita historia que contarnos... Alguén se anima?

Agardaremos pois a colaboración das nosas familias para ir resolvendo estas dúbidas e coñecendo pouco a pouco as características da poboación das nosas parroquias, concello ou comarca.

Alá vamos!




Mapa de Galicia e situación do Concello de Becerreá, Comarca dos Ancares.

jueves, 17 de enero de 2013

O RELEVO E A POLÍTICA AGRARIA COMÚN. A PAC


A constante transformación do relevo terrestre levou ao xurdimento da Península Ibérica tal e como a coñecemos hoxe en día. Na aula reflexionamos coa axuda dun interesante video que nos descubre o pasado e nos explica parte do presente...

O relevo da nosa comarca determina os usos da terra que se fan nela. É algo sobre o que estamos reflexionando na aula  nestes días. A través do estudo do relevo, tanto da península como de Galicia, descubrimos como os usos do territorio son diferentes nas paisaxes de costa, de montaña ou de chaira.

Nós atopámonos nos Ancares, unha zona de alta montaña, cuxo territorio é fundamentalmente rural e onde a maior parte da poboación se adica a agricultura e a gandeiría.

Dende Unións Agrarias xurdiu a proposta de coñecer que é iso da PAC ... Unhas siglas que non tiñamos escoitado nunca e que son tan importantes para o noso territorio.

No blog do Plan Proxecta da escola podemos ver a presentación a través da cal establecemos un debate sobre os usos do territorio, a importancia da acción de labregos e labregas no nos territorio e as políticas que determinan a vida cotiá destas persoas.

Estas son algunhas das fotos que amosan a nosa participación na actividade... Esperamos que vos gusten!







VISITA A CARPINTARIA... DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE NO NOSO CONCELLO.

A finais do mes de novembro visitamos a carpintaría do noso veciño Ignacio. Unha carpintaría artesanal que pode ser un bó exemplo do que significa o DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE. Esta é a entrevista que nenos e nenas de 5º de primaria lle fixeron a Ignacio preparando eles mesmos as preguntas que máis lles interesaban...

  • Como sabes que árbores escoller para o teu traballo?
- Dependendo do traballo que vaia a facer, atendendo ás características da madeira... Por exemplo, para facer unha escada emprego  o teixo. Para facer un utensilio que sirva para botar alimentos a vidueira... Se necesito que o que vaia a facer ula  ben o loureiro, ciprés ou o cedro.
  • Que especies empregas normalmente no teu traballo? A que bosques recurres para obter recursos?
- Árbores autóctonas. Ás veces madeiras tropicais en pequenas cantidades e puntualmente. Para elexir a madeira coa que vou traballar recurro aos bosques da nosa contorna, ás veces acompañado por outras persoas profesionais que me axudan na escolla.
  • Canto tardas normalmente  en facer un moble?
- Depende... Dende dous días ata catro meses... O moble que máis tempo me levou facer foi un moble para ferramentas... Un par de meses botei con este traballo!
  • Inflúe o clima e o tempo na calidade  da madeira?
- Por suposto que inflúe! Un dos factores que máis se ten que ter en conta é a humidade. En ambientes húmidos a madeira aguanta menos. En climas fríos a madeira é máis resistente. Como exemplo temos as casas construidas con madeira no norte de Europa.
  • Cal foi o moble máis imprsionante que fixeches?
- O moble das ferramentas do que antes vos falei... Téñolle un especial cariño. Tamén teño unha serie de traballo como son mobles xigantes: bancos, mesas, cadeiras...
  • É o teu traballo respectuoso co medio natural? Consideras que realizas un traballo que promove o desenvolvemento sustentable? 
- Penso que si. Tal e como vos expliquei antes, trato de empregar madeira de árbores autóctonas, escollidas coidadosamente e de xeito que respecte o medio no que os atopamos. Do mesmo xeito, ao seren árbores da contorna non contamino moito nos desprazamentos cando os teño que ir a buscar. Non é o mesmo traer árbores da amazonia que coller madeira nos montes de Becerreá... Tamén son especialemente coidadoso coa xestión dos residuos que xero coa miña actividade. Outro tema importante é o tipo de pintura que emprego nos meus mobles. Trato de escolle as que menos impacto teñen para a saúde das persoas e para o medio ambiente.
  • Pensas que os teus mobles teñen un precio xusto?
- Prezo xusto? Teríamos que discutir que é o prezo xusto! Eu penso que o prezo dos traballos non se paga só con diñeiro... A satisfacción de quen o fai e de quen o recibe tamén ten un valor moi alto para min... Non pretendo sacar o máximo beneficio económico do meu traballo.
  • Por que elexiches esta profesión? Pensas facer máis grande a carpintaría?
- O meu pai era carpinteiro. Ademais gústanme as posibilidades que ofrece traballar a madeira como recurso. En canto a aumentar o espazo na carpintaría... Non, non penso nunha ampliación, estou cómodo traballando neste espazo, o que me permite facer un traballo máis respectuoso co medio e facendo un uso responsable dos recursos.

Aquí están algunhas das fotos da visita! 










martes, 13 de noviembre de 2012

O MAGOSTO... Os outos e a castaña nos Ancares


Na celebración do magosto estivo na escola Salvador, o pai de Laura, alumna de 5º curso.

Salvador vive en Veiga. É gandeiro e agricultor e contounos moitas cousas sobre os soutos e as castañas.
El e a súa familia son ben coñecedores desta árbore e o seu froito. Según nos contou, non fai moitos anos, moitas familias da comarca dos Ancares e o Caurel aproveitaban os soutos como fonte importante de recursos.


Pero non se queda aquí a cousa...
Salvador contounos dende como se recollían os ourizos ata como se inxertaban os castiñeiros…

 Quizais non está ben falar en pasado, non?

Contounos que nos nosos días o aproveitamento da castaña como recurso económico, medioambientalmente sostible, non está nada esquecido, xa que no veciño Caurel, son moitas as persoas que se adican a traballar arredor destes espazos máxicos, os soutos.

Facendo marmeladas, tartas, confituras e moitísimas cousas máis!

Entre todos os contos e relatos relacionados co magosto, os soutos e as castañas, invitámosvos a ler o relato de Laura onde, coa axuda do seu pai e da súa nai, nos fala de ouriceiras, varexar, inxertar e moitas cousas máis para a área de CM.

Anímaste a lelo???

martes, 30 de octubre de 2012

PREPARANDO O MAGOSTO...

O día 12 de novembro imos celebrar o Magosto!

Xogos de sempre, lendas e castañas levarannos a entender como o Magosto é unha tradición viva nos Ancares.

Vivos e vivas están as  nosas avóas e avós, ben coñecedoras da importancia desta festa na comarca...
Imos contar coa súa presenza para que nos transmitan os seus coñecementos sobre esta tradición.

Marabillosas persoas portadoras de tradición oral e sabiduría popular!