miércoles, 24 de abril de 2013

O Río Donsal

Seguimos avanzando no coñecemento do medio e onte saímos a percorrer o Río Donsal, afluente do Río Navia.

Un río que discorre polo noso Concello e que goza dunha ruta de sendeirismo que nos permitiu reflexionar sobre o aproveitamenteo da auga e a importancia da mesma para a vida do ser humano.

Observamos como é posible desenvolver unha actitude de respecto ao medio mediante o coidado das fontes, dos banzados, dos regos nos prados e moitas cousas máis.

Outra da reflexión que fixemos foi sobre os recursos dos que dispoñemos na nosa comarca e o seu aproveitamento por parte das persoas que  habitan aquí. Por exemplo o aproveitamento de boas zonas para a extracción dun produto tan doce como a mel, actividade moi común nas aldeas.

Entre as plantas que recoñecemos estaban o rusco, a primavera ou a menta entre outras. As árbores que atopamos foron: carballos, amieiros, bidueiros, castiñeiros, espiños e moitas outras que dan mostra da biodiversidade propia da zona.

Aquí tedes FOTOS DA ACTIVIDADE que vos darán unha pista do día que disfrutamos.

Do memos xeito, e cadrando que o Día do Libro se cruzou no noso camiño, aproveitamos para ler lendas e  ditos relacionados coas aldeas certificando así a importancia da auga no Concello de Becerreá.

Estes son algunhas das historias que os nenos e nenas de 3º recompilaron para nós.

lunes, 15 de abril de 2013

Saímos á cidade de A Coruña

Saímos da escola e imos á cidade de A Coruña... Mirade aquí algunhas fotos do día.

Despois de traballar cos materiais do Proxecto Terra durante uns días imos ver na realidade a importancia da axeitada xestión do territorio e como inflúen na paisaxe as diferentes actividades dos seres humanos. 

Reflexionaremos tamén sobre as diferenzas do territorio: as nosas aldeas e vila e unha cidade...

Teñen algo en común?
En que se asemellan? Cales son as diferenzas? 

Para animar o día e, a proposta de Gema, a mestra de música, imos axudarnos coa canción "Don't worry, be happy!" 

Agora que o sol nos acompaña... Disfrutade dela e moi bo día de coñecemento e aprendizaxe fóra das aulas!


martes, 19 de marzo de 2013

A LONTRA, A AUGA E AS ÁRBORES NOS ANCARES


A LONTRA, o maior animal acuático e carnívoro que habita os ríos dos Ancares, lévanos a coñecer, na Semana da Árbore e a Auga, cales son os principais ríos da nosa comarca e as súas características.

Por que é posible que a lontra sobreviva nos nosos ríos?
Que condicións precisa ter a auga que por eles discorre para permitir a vida de animais coma este?

Imos ver se descubrimos algo da man do libro de contos "VIAXE POLOS RÍOS E AS ÁRBORES DOS ANCARES".

A escritora nacida en Becerreá, Helena Villar Janeiro, fálanos no xornal "El Correo Gallego" sobre o libro, así como da importancia da celebración deste día. Podes ver o enlace ao artigo de opinión publicado no xornal aquí.



HELENA VILLAR JANEIRO

Días da árbore e da auga

A ESTAS alturas do mes de marzo, tocando o equinocio de primavera, prepáranse as celebracións do renacer da vida no noso ámbito xeográfico. A Terra, maltratada polos humanos, está sometida a unha degración que se inicia na parte habitada e acaba nos océanos a través das primeiras canles de comunición e propiciadoras de recursos vitais: os ríos. Ademais dos residuos nocivos que eles arrastran, está o problema da deforestación que acarrea a sobreexplotación do planeta. A merma arbórea fai recuar os espazos necesarios para o almacenamento da auga e a produción do osíxerno imprescindible para a vida.
Tomar conciencia dos problemas medioambientais leva a acotar zonas privilexiadas dotándoas de protección que preserve parte da biosfera e compense dos abusos dun desenvolvemento desaprensivo que só busca beneficios económicos, e cada vez fai máis ricos aos ricos e máis pobres aos pobres.
Ante uns feitos tan ameazadores para a vida do planeta, as accións compensatorias teñen que ir dirixidas á prevención, concienciando á sociedade e servíndose da educación institucional. A defensa do medioambiente é un contido compartido por todas as áreas do curriculum, pero precisa tamén tratamento puntual. Nesta dirección vai o libro que ven de editar a Deputación de Lugo sobre un dos espazos de máis forza telúrica da provincia, Os Ancares, celebrando alí os Días Mundias da Árbore e da Auga (21 e 22 de marzo).
Viaxe polos ríos e árbores dos Ancares. Reserva da Biosfera, é un pequeno manual que motiva o coñecemento dos montes ancareses de Navia, Cervantes e Becerreá mediante un percorrido no que se enlazan relatos literarios de nove escritores e escritoras vinculados a Lugo con cadansúa fotografía ilustrativa das diferentes paraxes desas montañas, desde a morea glaciar de Piornedo ata o Navia. Os microrrelatos van enchendo de maxia literaria a vida daquelas terras unidos polo fío condutor dunha pita do monte, ave protexida que adorna coas súa presenza as paisaxes que vai mostrando á infancia lectora.
Dirixido aos centros de ensino primario, incorpora ao principio un pequeno esquema como suxerencia das actividade de cada un dos días e remata con tres páxinas de información complementaria e debidamente fragmentada para aprofundar no coñecemento do bosque, das árbores e da auga.

martes, 12 de marzo de 2013

A AUGA, UN BEN NECESARIO PARA A VIDA DAS PERSOAS.

A auga, un ben necesario para a vida das persoas, será o tema que nos ocupe agora unha tempada. 

En Galicia sempre se escribiu sobre a auga, sobre os ríos, as lagoas... A súa importancia é e foi vital para o desenvolvemento da vida e da economía. 

Manuel María, poeta da Terra Chá, escribira algunhas palabras sobre o río Miño: 

"O Miño é vello e é tristeiro:
sempre vai mudo e vai senlleiro.
No inverno semella que marmura
un sagredo con forte voz escura.
Ún escoita, atento e espranzado, 
e o vello Miño sempre vai calado."

Será esta sinal da importancia da auga para ás persoas?

Logo de buscar na biblioteca libros que nos falen da auga, imos ver "El hombre y la Tierra: la conquista del agua."

Félix Rodriguez de la Fuente fálanos dunha ave e un mamífero que se adaptaron perfectamente á vida nos ríos de montaña. 



 

miércoles, 6 de marzo de 2013

MIGRACIÓNS NAS NOSAS FAMILIAS

Sendo as migracións un fenómeno mundial, hoxe imos coñecer a experiencia de Miguel e Carmen, os avós de Samara e Xoel que nos falarán sobre a súa experiencia como emigrantes na década dos 60.

De seguro a súa experiencia nos axudará a comprender moito mellor  a emigración e a inmigración e trataremos de comprender que non é algo tan lonxano, se non que está moi presente na nosa realidade actual.

Agardamos disfrutar da compañía na escola!



A emigración no Concello de Becerreá from crislgt

Algunhas fotos do día compartido...







E para rematar o video da canción "Papeles mojados" de Chambao, na que nos fala da outra cara: a inmigración en España.


lunes, 4 de marzo de 2013

OS SECTORES ECONÓMICOS NA PRENSA E A DEBATE

Cinco de cada cen persoas en España e doce de cada cen en Galicia traballan no sector primario.
Sendo no noso concello, o Concello de Becerreá, un 80 % da poboación a que traballa neste sector imos observar a seguinte gráfica:




Cal foi a evolución dos diferentes sectores económicos dende o ano 1900 ata o ano 2010?
Cal foi o sector económico que maior evolución experimentou?
Que sucede co sector secundario?
E co primario?

Imos ver agora un par de noticias de actualidade. Un artigo do xornal "El País" do domingo 25 de novembro de 2012 relacionada coa industria alimentaria.






martes, 19 de febrero de 2013

Poboación e actividades económicas.

Coñecemos o Concello, as parroquias nas que vivimos, cantas persoas viven e a densidade media da poboación. Observamos, e concluimos, que o noso concello ten unha densidade media de poboación moi inferior á media de Galicia, menos de 25 hab./km2. A densidade media de Galicia atópase en 94 hab./km2.

A parroquia máis poboada é a de San Xoán de Becerreá, capital do concello e cabeceira de comarca. Hai unha parrroquia que sobrepasa os 25 hab./km2. E a parroquia de Ousón.

Cos datos extraídos elaboramos o noso propio mapa de densidade de poboación do Concello.

Aquí temos algúns artigos publicados na prensa que falan da situación demográfica tanto a nivel estatal como autonómico. A súa lectura, e posterior análise, achegaranos á realidade actual da sociedade da que formamos parte.

- Fenómeno das persianas pechadas.
- Despoboamento. 
- Saldo migratorio negativo en Galicia
- Crecemento poboacional nos últimos 10 anos e decrecemento nos vindeiros anos. 



Agora imos estudar que ocorre coas persoas que aquí viven, a que se adican as nosas familias? Que traballos desenvolven? Cal é o uso principal da terra?

Para comezar algúns datos:

SOCIOECONOMÍA

A base productiva do Concello de Becerreá atópase no sector primario, ocupando ao 80 % da poboación activa. Agricultura e gandeiría están íntimamente integradas. A superficie cultivada representa o 7'76 % da superficie total, ocupando o resto o policultivo de montaña. Prados e pastos supoñen o 11 % fronte ao espazo forestal que ocupa o 77 %. Polo que se refire ás explotacións agrícolas, conviven o policultivo de autoconsumo e o cultivo do cereal. A cabana gandeira intensificouse, destacando a cabana bovina con 3.753 cabezas, destinándose o 50 % á producción da cuota láctea. O tamaño destas explotacións é reducido, de carácter familiar, cunha media inferior ás 10 cabezas por unidade de explotación. Os subsectores porcino, ovino e equino teñen menor presenza. A explotación forestal está magníficamente representada nos poblados bosques de carballos, castiñeiros, pinos, e bidueiros. En canto ao sector secundario, depende principalmente do sector agropecuario, como é a explotación da riqueza forestal. O sector servizos, en crecemento, tenta centrar a súa oferta no turismo rural. O comercio é ao por menor, de estructura familiar  e ten a capital municipal como principal foco de actividades e de servizos.


POBOACIÓN EN VIVENDAS FAMILIARES OCUPADA SEGUNDO SEXO E RAMA DE ACTIVIDADE

Total
Homes
Mulleres
Total
1.313
780
533
Agricultura, gandería, caza e silvicultura
555
305
250
Pesca
0
0
0
Industria
56
45
11
Construcción
138
132
6
Servizos
564
298
266



A nivel mundial podemos observar AQUÍ como se distribúe a poboación.